FESTA DO BOTELO 2023

FESTA DO BOTELO 2023

Éxito da XXI edición da Festa do Botelo de O Barco

A Festa do Botelo do Barco rematou este domingo coa actuación da artista María do Ceo no Teatro Lauro Olmo. Foi o broche de ouro, de luxo, a unha intensa fin de semana dedicada a Botelo, coa que miles de persoas gozaron tanto na masiva comida celebrada no Pavillón de Calabagueiros como nos 18 restaurantes do Barco e arredores que participaron na segunda edición. as Festas Gastronómicas do Botelo e do Cocido Valdeorrés.

A participación foi masiva en todas as actividades organizadas pola Concellería de Cultura para esta edición da Festa do Botelo. O pregón, pronunciado polo recoñecido actor Federico Pérez Rey, resultou especialmente entrañable pola homenaxe que se lle rendeu á cociñeira Adela Pombo, que traballou durante máis de 40 anos de vida profesional na cociña do colexio Condesa de Fenosa, dando de comer a miles de nenos naqueles anos. O pregón foi divertido dende o primeiro minuto, coa actuación do Orfeón Valdeorrés, presidido por un gran boom a cargo dos propios integrantes da formación musical, e despois coa intervención do pregoneiro, que provocou as risas de todos os asistentes.

A comida no Pavillón, con máis de 1.300 comensais, foi un rotundo éxito de organización, coa música dos grupos participantes nas Cancións de Taberna presentes durante a comida. A festa continuou despois durante toda a tarde, e ben entrada a noite, nas rúas e locais de hostalería do Barco, con música e pinchos.

_________________________________________________________________________________________________________

Programa completo da XXI Festa do Botelo

Os actos desta edición da Festa do Botelo comezan este xoves 19 de xaneiro e continúan ata o domingo. Este ano haberá unha película, co pregón deste ano, o actor Fede, como protagonista da película escollida, que se proxectará en varias sesións. O venres hai teatro, e o sábado terán lugar todos os actos institucionais, así como a comida oficial.

O sábado tamén haberá moita música, con pasacalles e foliadas e cantos de taberna. O peche das actividades será o domingo, coa actuación de María do Ceo no Teatro Lauro Olmo.

__________________________________________________________________________________

O Barco celebra o 21 de xaneiro a XXI Festa do Botelo

As actividades centrais da XXI edición da Festa do Botelo celebraranse o sábado 21 de xaneiro, a partir das 12:00 horas. As entradas para o xantar, que terá lugar no Pavillón de Deportes de Calabagueiros a partir das 14.30 horas, poranse á venda o sábado 14, a partir das 9.00 horas, no Teatro Lauro Olmo. Serán un total de 1.150 entradas, que este ano terán un prezo de 20 euros.

O programa de actividades comeza o xoves 19, coa proxección da película “O corpo aberto”, no Teatro Lauro Olmo. Serán tres sesións, ás 17, 19 e 21 h. O venres 20, ás 21.00 horas no mesmo escenario, ofrécese a representación da obra “Pirolíticos” da compañía “Mofa e Befa”.

O día 21, as actividades comezan ás 12 da mañá co pregón e entrega da mención de honra, no Teatro Lauro Olmo. Será presentado pola actriz Fátima Delgado, e a mención de honra recaerá en Adela Pombo Fernández, cociñeira xubilada do CEIP Condesa de Fenosa.

O actor Federico Pérez Rey “Fede” será o encargado de ler o pregón deste ano, que rematará coa actuación do Orfeón Valdeorrés.

Antes da comida, no desfile entre o Teatro Lauro Olmo e o Pavillón de Calabagueiros, e durante a mesma, 7 grupos musicais animarán esta festa. Os cantos de taberna, no casco histórico e no Malecón, e protagonizados polos mesmos grupos, terán lugar a partir das 19.00 horas.

O concerto da recoñecida artista María do Ceo pechará os actos desta festa. Será o domingo, día 22, ás 20:00 horas no Teatro Lauro Olmo.