Descrición da Festa
O Barco de Valdeorras celebra a Festa do Botelo a finais de xaneiro. É un evento festivo e gastronómico que organiza o Concello para exaltar o embutido máis singular da vila. Desde a primeira edición, en 2001, esta reunión gastronómica está precedida por un acto no que se pregoa a festa, glosando as bondades do produto. A cita serve tamén para homenaxear a algunha persoa da localidade que se distinguira pola súa dedicación á gastronomía local.
Co paso dos anos, a festa creceu, o que fixo necesario cambiar o lugar de celebración da comida oficial en varias ocasións. Nas últimas edicións, o Pavillón de Calabagueiros ten acollido cada ano a aproximadamente 1200 persoas para degustar un menú no que o botelo está acompañado de chourizos, cachelos, repolo e, como sobremesa, torta de roxóns ou chicharrós.
Un vello dito da vila di: “Do mar o mero, e do Barco o botelo” e baixo este lema degustase este singular produto, que está emparado baixo a Indicación Xeográfica Protexida “Botelo de Galicia” desde o ano 2009. A Festa do Botelo foi declarada Festa de Interese Turístico de Galicia no ano 2014.