Que ver no Barco
O Barco, a capital da Terra de Valdeorras, ofrécelle ao viaxeiro numerosas sorpresas para unha estadía en calquera época do ano: lugares para se perder nun territorio con fortes pegadas da Historia e unha paisaxe protagonizada polo río Sil e a beleza das altas montañas. Na localidade hai unha boa oferta de establecementos de hostalaría para un aloxamento confortable, e tamén para degustar os viños e e os pratos máis característicos da cociña comarcal. Polo Barco descorre o Camiño de Inverno a Santiago, que entra pola poboación de Éntoma para logo continuar polo barrio de San Roque, Casco Vello, Paseo do Malecón, A Proba e sair logo do municipio cara Santiago de Compostela.
Paseo do Malecón
O paseo do Malecón, con 2 quilómetros de lonxitude, discorre á beira do río Sil e é a principal zona de lecer da localidade. O río, ademáis de ofrecer unha paisaxe inigualable, é o eixe vertebrador dun paseo no que, especialmente no con bo tempo, descorre a vida social da poboación. Neste paseo atópase unha amplia e variada zona de entretemento con praia fluvial, pistas deportivas, piscina, parques infantís e terrazas de hostalaría con vistas ao Sil. Nmno paseo celebranse as festas patronais, concertos musicais e moitas máis actividades culturais, deportivas e recreativas. Unha pasarela peonil permite cruzar ao outro lado do río, onde se atopa a Área Recreativa do Salgueiral.
Casco vello de O Barco
Un paseo polo casco antigo do Barco é imprescindible para quen queira coñecer as orixes desta vila. A Praza Maior ábrese ao río Sil e ao Porto da Barca. Neste lugar había unha antiga barcaza para cruzar ao outro lado e así comunicar Viloira e O Castro, as dúas poboacións existentes antes de que O Barco se convertera en lugar de referencia. Tanto nesta praza como nas rúas do redor pode apreciarse unha variedade de edificacións entre as que destacan as grandes casas señoriais con escudos nas súas fachadas. A igrexa de San Mauro, patrón de O Barco, atópase tamén neste barrio. O templo orixinal construíuse a finais do século XVI e sufriu reconstrucións co paso dos séculos. O casco vello atópase conectado con Viloira a través da ponte de San Fernando e cunha pasarela peonil dende a que observar o Sil e as típicas casas colgadas sobre o río.
Casa Grande de Viloira
Viloira é unha poboación situada a poucos metros do centro urbano de O Barco, na marxe esquerda do Sil. Nela atópase a Casa Grande, unha gran edificación señorial construída en 1637 e rodeada dun amplo xardín . Segue un esquema de construción rectangular, con dous patios interiores. O patio máis grande está rodeado por unha galería pechada e no centro conta cunha curiosa fonte de pedra calcárea de cor vermella, típica da zona e presente en outras moitas construcións. De feito, as partes máis nobres (esquinas, dinteles, cornixas e columnas) están feitas con esta pedra . Hoxe é un edificio administrativo da Xunta de Galicia. O xardín exterior é público e está conectado ao casco urbano a través dunha pasarela peonil.
Vila do Castro: Pazo dos Flórez e Torre
O Castro é unha localidade situada a menos de cinco minutos do centro urbano do Barco, e que durante séculos foi capital administrativa da zona. Esta poboación é unha verdadeira atalaia desde a que gozar de boas vistas do val. Nesta vila abondan as covas (adegas baixo terra), nas que tradicionamente se elaboran os excelentes caldos de Valdeorras.
Uno dos elementos máis destacados da Vila do Castro é a Torre e Fortaleza de O Castro, que xa contaba coa protección xenérica de castelos españois dende o ano 1949 e que foi declarada Ben de Interese Cultural (B.I.C.) o 17/11/1994 coa categoría de Monumento, ano en que foi doada ao Concello de O Barco de Valdeorras.
Trátase dunha construción medieval do século XIV que sufriu destrucións e reconstrucións parciais, pasando a finais do século XV a propiedade dos Condes de Ribadavia; sufrindo novas reformas no século XVIII para o seu uso como cárcere. Trala supresión dos señoríos no século XIX, quedou desatendida, chegando a un estado de abandono e ruína. No 2013 foi restaurada e na actualidade pódese visitar e conta cunhas excelentes vistas do val.
No Castro pódense admirar tamén varias construcións singulares. Destaca entre elas o Pazo dos Flórez, que hoxe é un aloxamento hostaleiro. Construído en 1630, ten unha fachada moi rechamante, con seis arcos realizados na característica pedra vermella da zona, e con sete balcóns de ferro nesta mesma fachada.
Ponte de Éntoma e río Galir
No municipio de O Barco atópanse varias pontes de orixe romana. A máis relevante e que mellor pode verse, atópase na localidade de Éntoma. Situada sobre o río Galir, está realizada en lascas de lousa, é dun solo arco e aséntase sobre a pedra viva do fondo do río. A rehabilitación permitiu recuperar a parte superior desta construción e poder camiñar sobre ela para admirar o entorno.Por esta ponte entra no municipio do Barco o Camiño de Inverno a Santiago.
Igrexa románica de San Miguel de Xagoaza
Entre as edificacións destacadas no concello atópase a igrexa de San Miguel, de orixe románico (século XII) e situada na localidade de Xagoaza,. A Cruz de Malta na fachada lembra que o lugar pertenceu á Orden de San Xoán de Xerusalén. A ábsida semicircular fala da súa orixe románica, na que destacan as variadas figuras –canzorros- que adornan a cornixa. A igrexa está ao lado do río Mariñán, no que a uns 500 metros augas arriba pode verse unha ponte, moi atractiva polas súas dimensións.
A Pincheira de Fervenza
Numerosas son as rutas de sendeirismo que permiten gozar dos fermosos paraxes de castiñeiros centenarios existentes no municipio do Barco. Entre esas rutas está a da Pincheira de Fervenza, que leva ao lugar do mesmo nome. Descorre por un camiño que parte do pobo de Fervenza, con diferentes miradoiros que ofrecen dende unha vista xeral do val, pasando por diferentes puntos do río, ata unha fervenza natural (pincheira).
Para gozar dos lugares de interés do Concello e arredores, poden descargar a guía turística no apartado de turismo da web do Concello do Barco ou no seguinte enlace: http://concellodobarco.org/fileadmin/obarco_user/turismo/concello_do_barco_guia_2011_gallego_fin.pdf