A Festa do Botelo pecha a súa promoción en Vigo coa asistencia de 200 persoas á comida
A terceira Festa do Botelo na cidade de Vigo celebrouse hoxe con gran afluencia de público. Uns 200 comensais degustaron o singular botelo acompañado de cachelos e verdura no salón do Hotel Coia de Vigo. Ao acto asistiron como representación institucional do Concello do Barco, o alcalde, Alfredo García e a concelleira de Cultura e Educación, Margarida Pizcueta acompañados do alcalde de Vigo, Abel Caballero, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva e a concelleira de Servizos Socias e Formación, Soledad Girón, do Concello do Porriño.
A comida comezou ás 14:30 horas con sopa e empanada de maravallas, a continuación serviuse o botelo. A degustación do botelo,é dicir, o estómago do porco recheo de costelas adubadas e afumado e posteriormente cocido para o seu consumo, acompañouse con viño branco da Adega D´Berna e o tinto da Cooperativa Xesús Nazareno de O Barco. Para a sobremesa estivo presente a torta de roxóns e a música para o baile de peche do acto.
Este foi o último acto promocional do botelo desta tempada. O Concello do Barco organizou unha serie de actividades este ano e deu continuidade a outras para seguir dando a coñecer o embutido rei do inverno valdeorrés, o botelo. Esta Festa de Interese Turístico de Galicia dende o ano 2014 celebrou o pasado día 21 de xaneiro na vila do Barco a súa décimo séptima edición. Continuou coa súa promoción fora das terras valdeorresas en Coruña o pasado día 11 de febreiro e rematou a actividade hoxe en Vigo.