A V Festa do Botelo pecha en Vigo a súa promoción anual coa asistencia de 180 persoas

A V Festa do Botelo pecha en Vigo a súa promoción anual coa asistencia de 180 persoas

A quinta Festa do Botelo na cidade de Vigo celebrouse hoxe coa afluencia de máis de 180 persoas que degustaron o botelo no Hotel Coia. O singular botelo acompañado de cachelos e verdura pechou a promoción deste ano na cidade olívica . Ao acto asistiron como representación institucional do Concello do Barco,  o alcalde, Alfredo García e a concelleira de Cultura e Educación, Margarida Pizcueta acompañados do alcalde de Vigo, Abel Caballero e o concelleiro e deputado provincial, Santos Héctor. O alcalde de Vigo estivo presente na primeira parte do evento e despois ausentouse por temas persoais. Ademais do mundo da cultura estivo o escritor e editor galego,  Bieito Ledo.

A comida comezou ás 14:00 horas con sopa e empanada de maravallas, a continuación serviuse o botelo. A degustación do botelo, é dicir, o estómago do porco recheo de costelas adubadas e afumado e posteriormente cocido para o seu consumo, acompañouse con viño branco da Adega D´Berna e o tinto da Cooperativa Xesús Nazareno de O Barco. Para a sobremesa estivo presente a torta de roxóns, a bica e a música para o baile de peche do acto.

Este foi o último acto promocional do botelo desta tempada. O Concello do Barco organizou unha serie de actividades este ano e deu continuidade a outras para seguir dando a coñecer o embutido rei do inverno valdeorrés, o botelo. Esta Festa de Interese Turístico de Galicia dende o ano 2014 celebrou o pasado día 19 de xaneiro na vila do Barco a súa décimo novena edición. Continuou coa súa promoción fora das terras valdeorresas en Coruña o pasado día 9 de febreiro e rematou a actividade hoxe en Vigo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *