O Botelo do Barco de Valdeorras chegará a Vigo o 3 de marzo por cuarto ano

O Botelo do Barco de Valdeorras chegará a Vigo o 3 de marzo por cuarto ano

A cuarta Festa do Botelo na cidade de Vigo celebrarase o sábado, día 3 de marzo. O lugar desta nova edición será o restaurante do Hotel Coia ao igual que na celebración dos anos anteriores. O Concello do Barco de Valdeorras está organizando esta nova festa do Botelo na cidade olívica para continuar coa difusión do produto rei do inverno valdeorrés. O botelo, consistente no estómago do porco recheo de costelas adubadas, afumado e que se consume cocido, está acadando un gran recoñecemento e difusión fora das terras valdeorresas.

O xantar comezará ás 14:30 horas coa tradicional sopa de cocido e a típica empanada de maravallas. O prato principal terá ao botelo como protagonista, acompañado de cachelos, chourizos e verdura. Para a sobremesa haberá bica e unha actuación musical. A comida custa 27 € por persoa e as reservas xa se poden facer mediante o pago nun número de conta que o restaurante ten aberto.

Esta Festa de Interese Turístico de Galicia dende o ano 2014 celebrou o pasado día 20 de xaneiro a súa décimo oitava edición na vila do Barco. O pasado día 3 de febreiro celebrouse a V edición da festa na Coruña e a rolda de promoción rematará en Vigo no mes de marzo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *