O botelo volveu triunfar na Coruña na sexta edición da súa festa

O botelo volveu triunfar na Coruña na sexta edición da súa festa

A sexta Festa do Botelo celebrouse hoxe na cidade da Coruña coa asistencia de 350 persoas. O  restaurante Arbore da Veira no Mirador de San Pedro encheuse este ano de seguidores do embutido rei do inverno valdeorrés. O botelo, é dicir, o estómago do porco recheo de costelas adubadas,  continúa acadando un gran recoñecemento e difusión fora das terras valdeorresas.

A festa comezou a partir das 12:00 horas coa recepción dos comensais e a continuación a comida na que os entrantes foron a tradicional sopa do cocido e a típica empanada de maravallas. O prato principal tivo ao botelo como protagonista e acompañado de cachelos, chourizos e repolo. Para a sobremesa houbo bica ademais dos viños brancos de godello das adegas D´berna e o tinto da adega Roandi e os augardentes de Bodegas Godeval.

Esta Festa de Interese Turístico de Galicia dende o ano 2014 celebrou o pasado día 19 de xaneiro na vila do Barco a súa décimo novena edición. Agora continúa a súa promoción fora das terras valdeorresas e ademais da comida de hoxe en A Coruña, xa se está preparando outra en Vigo na súa quinta edición para o día 9 de marzo.


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *