XVI Festa do Botelo con múltiples actividades centradas na promoción do produto e da vila

XVI Festa do Botelo con múltiples actividades centradas na promoción do produto e da vila

A concelleira de Cultura, Margarida Pizcueta mostrando o cartel da Festa do Botelo

A Concellería de Cultura e Educación do Concello do Barco presentou onte o programa de actividades da  XVI FESTA DO BOTELO que se celebrará o día 23 de xaneiro na vila do Barco. Este produto consistente no recheo do estómago do porco con costelas adubadas e posteriormente afumado, que se consume cocido, conta con protección como Indicación Xeográfica Protexida dende o 2009. No 2014 a Festa do Botelo do Barco foi declarada como Festa de Interese Turístico de Galicia.

Esta nova edición vén cargada de novidades nas que o obxectivo é dar a coñecer o botelo e ampliar a festa gastronómica máis alá da mera degustación do produto. A nova edición contará cunha serie de actividades previas ao día da festa: un encontro gastronómico de blogueiros e xornalistas, un taller de elaboración de pinchos e pratos de botelo e harmonización con viños dirixido a hostaleiros da vila, así como a apertura desta páxina web  e redes sociais. Ademais a festa ten os deseños no cartel e camisetas, outra das novidades desta edición, do debuxante Luis Davila “O bichero”.

O día propio da festa, o 23 de xaneiro, haberá tamén novidades como a posta en marcha dunha feira de produtos gastronómicos no Paseo do Malecón  e o acto de lectura do pregón que se realizará este ano no Teatro Lauro Olmo do Barco. Ademais o programa da TVG “Aquí Galicia” emitirá en directo o seu programa magazine o sábado 23 pola tarde.

A concelleira de Cultura, Margarida Pizcueta, explicou onte dia 11 de xaneiro que este ano a festa ten tres obxectivos “un lúdico, outro difundir o produto, o Barco e a comarca e un terceiro que será formativo dirixido aos hostaleiros para que aprendan a realizar pinchos relacionados co botelo”.

Momento da presentación oficial da programacion

 

 

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *