A VIII do Botelo do Barco na Coruña, o sábado 11 de febreiro no Hotel Finisterre
O xantar estará precedido dun Túnel do Viño organizado en colaboración coa Ruta do Viño de Valdeorras
Xa está aberto o prazo de reserva para tomar parte na comida da VIII edición da Festa do Botelo do Barco en Coruña, que se celebrará o sábado 11 de febreiro no Hotel Finisterre desta cidade, organizada en colaboración co Concello do Barco. Nesta edición, ademais da comida, co botelo como protagonista, celebrase un Túnel do Viño dirixido polo recoñecido enólogo Luis Paadín, en cuxa celebración colabora a Ruta do Viño de Valdeorras.
O menú da comida está composto por empanada de maravallas e sopa de cocido, como entrantes, para seguir logo co prato principal, composto de botelo, chourizos, cachelos e repolo. Como sobremesa, bica. Todo, servido con vinos godello e mencía de Valdeorras, e rematado con café e selección de licores de Valdeorras.
As actividades comezarán ás 13,00 horas, coa entrega de acreditacións e inicio do Túnel do Viño, no que se presentarán referencias de viños das máis de 15 bodegas integrantes da Ruta do Viño de Valdeorras, baixo o asesoramento de dous expertos sumilleres. Ás 14,00 horas comezará a entrada ao comedor, co fin de que o xantar se sirva desde as 14,30 horas. A partir das 16,45 haberá música en directo no propio restaurante.
O prezo establecido para esta edición da Festa do Botelo do Barco na Coruña é de 44 euros por persoa, e as prazas están limitadas a 200 comensais como máximo, que teñen que reservar a súa praza antes do 8 de febreiro. As reservas deben realizarse mediante ingreso ou transferencia na Conta IBAN ES95 2080 0000 7230 4027 8346, da que é titular PAADIN EVENTOS S.L., ou facendo un BIZUM ao 606 738 242.
Para que a reserva poida formalizarse, deben indicarse os seguintes datos: nome e apelidos de quen fai a reserva, número de teléfono, e nome do grupo co que desexa compartir mesa. Para a retirada das entradas e acceso ao evento é obrigatorio presentar o xustificante do pago ou transferencia. Se se precisa de máis información, poden consultarse todas as dúbidas no teléfono 625 187 101.