Lula a pulpeira: “Cocín botelos para a festa durante 15 anos”

Lula a pulpeira: “Cocín botelos para a festa durante 15 anos”

“Fun a primeira” esa sería a frase que resume o traballo de Lula A Pulpeira, Obdulia Fidalgo Real, relacionado coa Festa do Botelo. Ela foi durante 15 anos a persoa encargada de ter todo listo para que os comensais puideran gozar do botelo o día da súa festa na vila do Barco. “Era moi duro, estábamos todos loucos durante dous días para ter todo listo” explica Lula que este ano verá a festa dende o outro lado, como invitada, e nesta ocasión de honra porque recibirá a Mención de Honra desta festa en recoñecemento a súa labor. Un traballo como cociñeira do botelo durante moitos anos e tamén como polbeira durante toda a súa vida. Na comarca de Valdeorras é raro que alguén non coñeza a Lula  preparando racións de polbo nas feiras. Un traballo que comparte co seu home Paco Piernas (Francisco Piernas Rodríguez), xuntos herdaron o oficio da familia del e levan traballando 32 anos.

Lula (a cociñeira na esquerda da foto) preparando as potas para o botelo
Lula a pulpeira Mencion de Honra 2017 Festa do Botelo

 

 

 

 

 

 

 

 

Pregunta– Cómo empezaches coa Festa do botelo?

Resposta– Foi o alcalde, Alfredo García e o concelleiro Eduardo Ojea que viñeron falar comigo xunto con Pedro. Empezamos no pavillón vello e despois pasamos ao  ximnasio do colexio Condesa de Fenosa e nos últimos anos xa no Pavillón de Calabagueiros. O primeiro ano foi cociñar para unhas 400 persoas pero despois no Condesa xa se duplicou e no pavillón chegamos ás 1000 persoas. No Condesa de Fenosa había que preparar todo no día da festa porque antes non se podía ocupar o espazo dos nenos, era moi duro, estábamos todos loucos durante dous días para ter todo listo no mesmo día.  Despois no pavillón xa era máis relaxado.

Pregunta– Era moi complicado preparar todo para tanta xente, polo que estás dicindo?

Resposta– Moito, porque era para moita xente e cada botelo hai que envolvelo en cadanseu trapiño para que despois ao cocer non se rompan, despois ir comprobando si está cocido. Normalmente é unha hora de cocción por quilo de botelo pero sempre hai que estar atento e sobre todo cando cocías uns 300 botelos. E despois as patacas, a verdura  que había que lavar, limpar, pelar.

Pregunta– Que supón para ti esta mención de honra na fesa do botelo deste ano?

Resposta– Gratificante porque vese que se acordan de ti e que se recoñece o traballo. Deume moita ledicia que se acordaran de min.

Pregunta– Que agardas dese día e do acto do pregón?

Resposta– Que sexa un día bonito, que o pasemos ben todos. Non teño preparado o discurso pero de facelo será algo pequeno e de agradecemento.

 

Lula cortando polbo nunha feira co seu home ao fondo
Lula e o seu home Paco Piernas traballando

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Seguramente a homenaxeada vivirá un día especial este sábado, día 21, e será a principal protagonista dentro do acto de pregón. Posiblemente lembrará os días que viviu como parte da rodaxe da película Sempre Xonxa do director, Chano Piñeiro, en terras valdeorresas. Daquela facendo un papel que sen dúbida coñecía, a de polbeira.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *