O Barco de Valdeorras promove un ano máis a Festa do Botelo na Coruña

O Barco de Valdeorras promove un ano máis a Festa do Botelo na Coruña

O sábado 11 de febreiro celebrarase a cuarta Festa do Botelo na cidade da Coruña. A sede desta nova edición será o restaurante Mirador de San Pedro, como nas tres celebracións anteriores. O Concello do Barco de Valdeorras organiza esta nova festa do Botelo na capital herculina para continuar coa difusión do produto rei do inverno valdeorrés. Botelo, é dicir, o estómago de porco recheo de costela marinada, afumada e cocida, está a acadar un gran recoñecemento e difusión fóra de Valdeorres.

A festa comezará ás 13.00 horas coa recepción dos comensais e despois a comida na que os entrantes serán a tradicional sopa de cocido e a típica empanada de maravallas. O prato forte terá o botelo como protagonista e acompañado de cachelos, chourizos e verduras. De sobremesa haberá tarta de bica e roxóns así como o grupo musical Os Peteras para amenizar a tarde. Para acompañar a comida haberá viños brancos Godello da Godeval, adegas D’berna e viño tinto da Cooperativa Jésús Nazareno. A comida ten un custo de 30€ por persoa e xa se poden facer reservas abonando nun número de conta que ten aberta o restaurante. Os que vaian en grupo teñen que especificar o nome do grupo ao que pertencen para poder organizar as mesas.

Esta Festa de Interese Turístico de Galicia dende 2014 celebrou o pasado 21 de xaneiro na localidade do Barco a súa décimo sétima edición. Agora continúa coa súa promoción fóra das terras de Valdeorres e ademais da comida na Coruña xa se prepara outra en Vigo na súa segunda edición para o 11 de marzo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *