O botelo será protagonista do programa da Radio Galega “Come e Fala”
O programa Come e Fala deste domingo, día 15 de xaneiro, estará dedicado á XVII Festa do Botelo do Barco. Durante unha hora falarase do botelo, de como se fai, como se vai degustar o día 21, os actos que haberá nesa fin de semana, e moito máis. O programa gravouse hoxe, día 12 de xaneiro, cos diferentes entrevistados, e o domingo ás 13 horas poderá escoitarse en emisión para toda Galicia.
O programa Come e Fala, Premio Nacional de Xornalismo Gastronómico Álvaro Cunqueiro 2010, trata de achegarnos un pouco máis a gastronomía, a enoloxía, os produtos e produtores, cociñeiros e cociñeiras de Galicia. Conducido por Xosé Manuel García este é o único programa na Radio Galega, e no panorama radiofónico español, dedicado á promoción da gastronomía galega.
As empresas e entidades que colaboraron co Concello do Barco para facer realidade este programa de radio foron: Adega Roandi, Embutidos García Marcos, Mantesil, Ruta do Viño de Valdeorras.