O éxito da I Festa do Botelo do Barco en Madrid abre camiño para lograr a declaración de Festa de Interese Turístico Nacional
A I Festa do Botelo do Barco en Madrid celebrouse os días 8 e 9 de marzo na Casa de Galicia, coa asistencia duns 60 profesionais na xornada técnica do venres e aproximadamente 70 comensais na comida que tivo lugar o sábado. Esta primeira incursión da festa na capital de España terá continuidade no futuro, co obxectivo final de conseguir a declaración de Festa de Interese Turístico Nacional para a Festa do Botelo.
Na xornada técnica do venres, dirixida polo sumiller Luis Paadín baixo o título xenérico de “túnel de harmonías”, participaron aproximadamente 60 periodistas, catadores e xefes de compra de grandes superficies e hostalería, que puideron coñecer da man do tamén sumiller Alejandro Paadín as características de máis de 50 viños da DO Valdeorras elaboradas baixo diferentes métodos, coa variedade godello como gran protagonista.
En formato cóctel, os asistentes gozaron dos mellores godello, mencía, caíño, brancellao, acompañando ao botelo en forma de petisco en diferentes elaboracións: consomé, croquetas, paté e arroz e, como sobremesas, leite frita e bica. Ao mesmo tempo, na “Mesa do catador”, atendida por Javier Facal, catador do restaurante coruñés “A Mundiña”, presentouse unha selección de 12 viños de diferentes anadas emblemáticas.
Na comida do domingo contouse coa presenza de aproximadamente 70 comensais, recibidos polo alcalde do Barco, Alfredo García, e a concelleira de Cultura, Margarita Pizcueta. Entre os asistentes atopábanse o director xeral de Turismo da Xunta de Galicia, Xosé Manuel Merelles, o director xeral da Axencia Galega de Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, e o director da Casa de Galicia en Madrid, Javier Vázquez, co xornalista de orixe barquense Carlos Santos Gurriarán exercendo de mestre de cerimonias. O grupo de música tradicional “Os do Venres” amenizou a comida coas súas interpretacións.
O menú da I Festa do Botelo en Madrid estivo composto de sopa de botelo e botelo con chourizos, grelos, garavanzos e patacas, todo regado con viños e licores da Denominación de Orixe Valdeorras. Na sobremesa servíronse filloas con mel e leite frita.
Alejandro Paadin destacou na presentación realizada na xornada técnica a singularidade do túnel de harmonías co botelo e o viño da DO Valdeorras como protagonistas.“Non é normal”, dixo, “xuntar dous produtos tan emblemáticos dun territorio, e que se conxuguen para dar lugar a un evento singular: propostas gastronómicas cunha matriz común, o botelo do Barco de Valdeorras, e unha selección de 40 viños e 2 destilados, e 12 viños de anadas anteriores da comarca; un anaco da nosa terra para comer, beber e gozar”, explicou Alejandro Paadín.
Pola súa banda, Javier Vázquez, director da Casa de Galicia, destacou a importancia do evento, porque “pon en valor un produto tan noso como é o botelo. Galicia é absolutamente fantástica. Temos costa, un idioma propio, os camiños de Santiago, e temos un referente a nivel nacional e internacional: o noso capital humano”.
O alcalde do Barco, Alfredo García destacou que o botelo estase a converter “no noso embaixador gastronómico por excelencia. Queremos potenciar todas as súas calidades e todas as súas posibilidades culinarias, e ao mesmo tempo que sirva de aliciente para que visiten O Barco”. Tamén se referiu ao botelo como un dos grandes atractivos para potenciar o turismo gastronómico no Barco, “onde hai produtos de moita calidade e grandes viños”.