A Festa do Botelo, o 20 de xaneiro co Carrabouxo de pregoeiro, Concepción Moral como cociñeira homenaxeada e a actuación de Amancio Prada
A Festa do Botelo terá lugar este ano o 20 de xaneiro, co debuxante Xosé Lois González Vázquez, “Carrabouxo”, como pregoeiro e a homenaxe a Concepción Moral, cociñeira do mítico Mesón JR 2000. O cantautor Amancio Prada protagoniza o concerto do Botelo, que se celebra o día 21 a partir das 20,00 horas, no Teatro Lauro Olmo.
As actividades do programa elaborado nesta XXII edición da Festa do Botelo comezan xa o 13 de xaneiro, coa venda de entradas no Teatro Lauro Olmo. Como en anos anteriores, poranse a venda a partir das 8,30 horas da mañá dese día, con 10 entradas como máximo por persoa e venda por rigoroso orde de chegada ao Teatro. Para facilitar este proceso, haberá un sistema de entrega de número segan se vaian achegando á porta do teatro. En total venderanse 1.150 entradas, a 25 euros cada unha.
O programa continúa o 18 de xaneiro, coa proxeción do filme “Reposteiro e chef”, en sesións de tarde e noite (ás 17,00 e ás 20,00 horas). O venres 19 haberá teatro, coa obra “Run Baby Run”, escrita e interpretada pola artista barquense Fátima Delgado.
O sábado 20 de xaneiro, as actividades da Festa do Botelo comezarán co acto no Teatro Lauro Olmo, ás 12 horas e presentado pola actriz Fátima Delgado. Nese acto entregarse a mención de honra a Concepción Moral Calvo, cociñeira do Mesón JR 2000, onde se puideron degustar durante anos as mellores tapas de toda a contorna. A continuación, o debuxante Xosé Lois González Vázquez, “Carrabouxo”, lerá o pregón. O Orfeón Valdeorrés porá a nota musical do evento.
Como todos os anos, a partir das 14,30 horas terá lugar o xantar popular no pavillón de Calabagueiros co habitual menú de Botelo, acompañado de chourizos, patacas e repolo. O xantar contará coa animación musical dos grupos que logo se encargarán de continuar coa festas cos xa tradicionais cantos de taberna polos bares da localidade. Estes cantos de taberna celebraranse entre as 19 e as 22:30 horas. O día 21, no Teatro Lauro Olmo e ás 20,00 horas, ofrecerase a actuación de Amancio Prada. As entradas para este concerto, ao prezo de 10 euros, poranse a venda de xeito anticipado en Ton y Son, e desde unha hora antes na billeteira do Teatro.
O cartaz deste ano foi elaborado tomando como base unha obra do artista Óscar Padrevecchi.