Case que 200 persoas degustan o Botelo do Barco na VII Festa do Botelo en Vigo

Case que 200 persoas degustan o Botelo do Barco na VII Festa do Botelo en Vigo

O sábado 4 de marzo celébrouse unha nova edición da Festa do Botelo do Barco en Vigo. Un total de 180 persoas participaron na comida celebrada no Hotel Coia e na que se serviu un menú composto por sopa de cocido, empanada de maravallas, botelo e chourizos con grelos e cachelos e, de sobremesa, bica. Todo, regado con viños Mencía da D.O. Valdeorras.

Entre os asistentes a esta VII Festa en Vigo atopábanse a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, o secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao, o pintor Antón Pulido e o escritor e editor Bieito Ledo. En representación do Concello asistiron o alcalde, Alfredo García, e a concelleira de Cultura, Margarida Pizcueta.

A celebración da Festa do Botelo do Barco en Coruña e Vigo responde ao interese do Concello do Barco de dar a coñecer este singular embutido en todo o territorio galego. Trátase dunha festa de interese turístico galego que cada vez está máis arraigada na comarca de Valdeorras e no resto de Galicia, e que se espera poda contar nun futuro co recoñecemento de Festa de Interese Turístico Nacional.

Esta festa é a última das previstas para este ano, con gran éxito de asistencia en todos os casos. 

Os comentarios están pechados.