A VII Festa do Botelo na Coruña celebrarase o día 15 de febreiro e ten aberta a compra de entradas
A sétima Festa do Botelo na cidade da Coruña celebrarase o sábado, día 15 de febreiro. O lugar desta nova edición será o restaurante Arbore da Veira no Monte de San Pedro ao igual que nas seis celebracións anteriores. O Concello do Barco de Valdeorras está organizando esta nova festa do Botelo na capital herculina para continuar coa difusión do produto rei do inverno valdeorrés. O botelo, é dicir, o estómago do porco recheo de costelas adubadas, afumado e que se consume cocido, está acadando un gran recoñecemento e difusión fóra das terras valdeorresas.
A festa comezará ás 12:30 horas coa recepción dos comensais e a continuación a comida na que os entrantes serán a tradicional sopa do cocido e a típica empanada de maravallas. O prato principal terá ao botelo como protagonista, acompañado de cachelos, chourizos e verdura. Todo isto regado cos viños de godello da Adega D´Berna e o tinto mencía de Adega Roandi. Para a sobremesa haberá bica e os licores da Adega Godeval. Ademais para amenizar o fin de festa terán un grupo musical. O xantar custa 36 € por persoa e as reservas xa se poden facer mediante o pago nun número de conta que o
restaurante ten aberto. Aqueles que vaian en grupo deberían especificar o nome do grupo ao que pertencen para poder organizar as mesas. Pódense facer reservas ata o xoves, día 13 de febreiro.
Esta Festa de Interese Turístico de Galicia dende o ano 2014 celebrou o pasado día 18 de xaneiro a súa vixésima edición na vila do Barco. Agora continúa a súa promoción fóra das terras valdeorresas e ademais da comida na Coruña, xa se está preparando outra en Vigo na súa VI edición para o día 7 de marzo.
Xeito de efectuar a reserva:
1 – Ingreso ou transferencia na conta: IBAN ES52 2080 0012 3330 4004 9959 . Titular da conta:
O Xardín de Árbore.
2 – Directamente no Restaurante previo pago en efectivo ata dous días antes do evento.
INFORMACIÓN Teléfono: 625 187 101