A XXIV Festa do Botelo do Barco reuniu a preto de 1.300 persoas no Pavillón Polideportivo
A XXIV Festa do Botelo do Barco reuniu este ano a aproximadamente 1.300 comensais no Pavillón Polideportivo de Calabagueiros, onde se celebrou o xantar oficial deste evento gastronómico, Festa de Interese Turístico Galego. Ademais, aproximadamente outras 800 persoas encheron este mediodía as prazas dispoñibles nos restaurantes que esta fin de semana ofrecen botelo no seu menú.














Os actos desta XXIV edición da Festa do Botelo comezaron as 12 da mañá no Teatro Lauro Olmo co acto oficial do pregón, presentado por Davide González e Iria Pinheiro, dous actores e músicos galegos cunha ampla experiencia en diferentes ámbitos artísticos. A súa presentación estivo chea de humor e complicidade, tanto cos protagonistas do acto como co público que, como cada ano, encheu o Teatro Lauro Olmo.
Nesta edición rendeuse homenaxe á cociñeira Rosa Alonso Fernández, que leva 38 anos ao fronte do Bar O Buraco, situado na Praza Maior e moi coñecido polas tapas que ofrece a súa clientela. Moi emocionada, asistía á proxeción do vídeo preparado para a ocasión, así como á entrega dos presentes que o Concello do Barco lle tiña preparados. Mostrouse moi emocionada pola mención de honra do botelo, y lembrou os 38 anos ao fronte da Taberna O Buraco. “Non teño clientes”, teño amigos, dixo. Anunciou a súa retirada, “porque teño idade y quero gozar un pouco da vida”.
O sumiller Luis Paadín encargouse de pronunciar o pregón desta edición da Festa. Como profesional do mundo do viño, centrou a súa intervención na calidade dos caldos da Denominación de Orixe Valdeorras. “A mellor godello é a de Valdeorras”, dixo, para logo engadir que o”godello é imbatible, non o hai mellor en ningún sitio. Comparou godello e botelo, “dous produtos milenarios, que de seguro xa existían no tempo dos romanos”. “Non teñades pena, bebede viño e comede botelo”, dous produtos que fan que Valdeorras sexa como a aldea de Asterix, “que resiste as novas modas gastronómicas como eles resisten aos romanos”.
A partir das 14,30 horas celebrouse o xantar popular no Pavillón de Calabagueiros co habitual menú de Botelo, acompañado de chourizos, patacas e repolo. Servíronse, en total, máis de 900 quilos de botelo, 200 de chourizos, 250 de patacas e 225 de verdura. Todo, regado con 900 botellas de viños mencía e godello de Valdeorras e, de sobremesa, 165 bicas.
O xantar contou coa animación musical dos grupos que, pola tarde, se encargarán de continuar cos xa tradicionais cantos de taberna polos bares da localidade. Estes cantos de taberna celebraranse entre as 19 e as 22:30 horas, coa participación de tres de grupos que recorrerán as rúas e encherán de música un total de 10 establecementos. Os do Venres, Os Ministreles, e Foliada de Bosende son os participantes nesta edición da Foliada e Cantos de Taberna.
A actuación de Magín Blanco, mañá domingo as 20,00 horas no Teatro Lauro Olmo, porá o punto e final a esta edición da Festa do Botelo. As entradas para este concerto, ao prezo de 5 euros, estarán á venda desde unha hora antes na billeteira do Teatro.