Comeza a XIV Ruta de pinchos “O Barco vai de viños”, preludio da Festa do Botelo
34 establecementos de hostalería do Barco participan na XIV da Ruta dos Pinchos, organizada conxuntamente polo Concello do Barco, a Asociación Empresarial de Valdeorras (AEVA) e o Centro Comercial Aberto, a ruta ten como obxectivo a dinamización do sector hostaleiro nunhas datas nas que o consumo baixa de xeito importante. A Ruta dos Pichos é ademais o preludio da Festa do Botelo do Barco, que ten lugar o 18 de xaneiro.
A XIV Ruta de Pinchos “O Barco vai de Viños” celebrarase entre o 9 e o 17 de xaneiro de 2025 nun total de 34 establecementos hostaleiros, do Barco, 13 máis que na anterior edición. Os locais de hostalería divídense en 6 zonas, bautizadas co nome de variedades de uva da denominación de orixe Valdeorras: GARNACHA, GODELLO,SOUSON, MENCIA, TREIXADURA e MERENZAO. En todos eles, os petiscos cobraranse a tres euros.
Os clientes valorarán os petiscos a través dos boletos de participación que estarán dispoñibles nos establecementos. Como na anterior edición da Ruta, serán os clientes os que, coa súa votación nas furnas situadas nos locais, poderán valorar cada un dos petiscos. Os hostaleiros optarán a tres premios.
Ademais, nos establecementos participantes na Ruta haberá boletos que os clientes deberán selar como mínimo en seis establecementos, un por cada zona, tanto para poder votar aos mellores petiscos e optar ao premio dunha das catro ceas para dúas persoas que se concederán aos clientes.
Eses boletos depositaranse nas urnas que haberá en cada un dos establecementos ata as 23:00 horas do 17 de xaneiro. Todos os premios daranse a coñecer o día 21 de xaneiro.