O Concello presenta un vídeo promocional da Festa do Botelo do Barco

O Concello presenta un vídeo promocional da Festa do Botelo do Barco

O Alcalde do Barco, Alfredo García, e a concelleira de Cultura, Margarida Pizcueta, presentaron esta mañá un spot da Festa do Botelo, co que se pretende promocionar a festa fóra da comarca, en encontros, congresos, feiras de turismo e citas gastronómicas. “O Botelo é xa unha marca que identifica ao municipio e no vídeo ponse en valor o espírito do evento, no que ademais do xantar, destaca o encontro, a alegría e a emoción que enche O Barco durante esa fin de semana”, dixo a concelleira. 

As imaxes do spot foron gravadas durante a celebración da edición de 2024 “pero na montaxe apóstase por unha mirada atemporal, co fin de que calquera que algunha vez gozase desta festa poda sentirse identificado”, engadiu a concelleira, que tamén indicou que o vídeo lánzase agora, co Botelo a punto de celebrarse, para preparar o ambiente e facilitar tamén que toda a conversa que se crea en torno á festa teña un soporte visual de referencia. 

O vídeo será compartido en redes sociais e webs do Concello do Barco e da Festa do Botelo, presentarase esta fin de semana nos actos institucionais que teñen lugar no Teatro Lauro Olmo, e acompañará esta celebración no seu recorrido polas distintas cidades onde tamén se celebrará nas próximas semanas.

O alcalde mostrouse moi satisfeito do nivel que ten alcanzado a Festa do Botelo, que está a cumprir con creces todas as expectativas marcadas polo concello, e destacou o bo ambiente que se vive no Barco durante estes días, e que ten o seu reflexo no vídeo promocional presentado esta mañá.O vídeo era necesario, dixo o alcalde, “para ter unha identificación visual desta festa” e que a xente que non a viviu nunca coñeza o ambiente que se vive no Barco nestes días. “O Botelo”, engadiu, “está a ser a mellor promoción do Barco, e iso hai que resaltalo”, concluíu.

Vai o enlace do video do botelo:https://youtu.be/iCMtWkOQJ3E?feature=shared

Os comentarios están pechados.