Seguen as II Xornadas Gastronómicas do Botelo e o Cocido Valdeorrés en 18 restaurantes
A segunda edición das Xornadas do Botelo e o cocido valdeorrés celebranse ata o 19 de febreiro en 18 establecementos do Barco de Valdeorras (a maioría), Vilamartín e Sobradelo. Organizadas polo Concello do Barco, os restaurantes participantes ofertan menús nos que o botelo é o produto estrela, xunto coas androllas, chourizos e outros produtos do porco, sempre acompañados de verdura, patacas e chourizos, así como de viños de Valdeorras.
Os prezos nos restaurantes oscilan entre os 18 euros do menú máis barato, e os 35 do máis caro. Entre os participantes tamén hai un establecemento cuxa actividade principal é a de comida para levar. En todos os casos, é necesario reserva previa.
O Concello decidiu continuar coas Xornadas Gastronómicas tras o éxito alcanzado na primeira edición, o ano pasado, e polo gran interese mostrado polos restaurantes do Barco, fundamentalmente. Tanto o concelleiro de Turismo, Eladio Santos, como a de Cultura, Margarida Pizcueta, destacaron na pesentación das Xornadas que o obxectivo da corporación é que a Festa do Botelo non se celebre unicamente o día 21, cando ten lugar a comida popular no Pavillón Polideportivo, senón tamén ao longo das seguintes semanas, “para que a actividade se manteña na hostalería practicamente ata o Entroido”, e asi “axudar a xerar actividade económica e riqueza”.